RADIOGRAFÍAS | O |
23 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESTA SEMANA puidemos ver que dende o Concello de Carballo están a se interesar pola viabilidade dun campo de golf e tamén que en Camariñas están pendentes dun informe técnico para que se faga outro. En fin, encamiñámonos cara o sector servizos, cara un turismo redentor. Depositamos as nosas esperanzas en que o desenvolvemento veña da man dun bo «green» (soa un pouco colonial, ¿non si?). Perdoen a palabrota, quero que conste que eu deste deporte só sei que había un tipo que se chamaba Severiano Ballesteros e que polo visto casou ben casado, coa mesmísima filla de Emilio Botín. Pois entre os campos de Camariñas e Carballo, o parador de Muxía e o porto deportivo na mina de Meirama esto leva camiño de converterse nun novo Porto Banús. Quizais a miña cabeza aínda se rixa por criterios económicos doutro tempo, pero non acabo de ver moi claro que o de pasar a ser a reserva turística sexa a panacea, polo menos a única. Quizais é que sigo soñando cuns sectores productivos propios en cunha industria transformadora dos mesmos. ¿Será tan difícil que unha terra rica dea riqueza? Tampouco Marbella, Kenia ou Bora Bora deben de ser os únicos referentes...