RADIOGRAFÍAS | O |
21 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O PETROLEIRO que hai xa case dous anos comezou a deitar petróleo ao carón das nosas costas pasará sen dúbida á historia de Galicia. A catástrofe marcará un punto de inflexión para os estudosos que queiran comprender o que acontecía neste recuncho europeo na primeira década do século XXI. Cómpre recordar que semanas despois daquel desastre ecolóxico máis de duascentas mil persoas tomaron Compostela e reclamaron medidas concretas da Administración para combater un esquencemento secular. Nas retinas de toda unha xeración quedaron as imaxes dos milleiros de voluntarios, dos movementos cidadáns nas rúas e de ducias e ducias de praias bañadas por un océano que vomitaba chapapote espasmodicamente. Non vou escribir máis sobre aquelas semanas das que creo que hai abondosas explicacións nas hemerotecas. Con máis ou menos acerto todos comprenderon que Galicia tiña un déficit histórico en materia de infraestructuras e investimentos. O controvertido Plan Galicia, independentemente das aprezacións sobre o mesmo, era o recoñecemento explícito desta eiva vergoñenta. Tempo despois daquela proposta, e cando aínda non sabemos se todo foi producto do soño dunha noite de verán, creo que sobraron enroques e faltou sentido común. Este país precisaba que os seus axentes sociais e políticos consensuaran un programa de actuacións con seriedade e rigor. Perdóenme a digresión anterior pero é que vinte meses despois o surrealismo sigue presente en forma de anécdota: o mercado de abastos de Corcubión acolle toda a documentación do Prestige . Dá rubor pensar que o mercado e a Xustiza anden tan revoltos, aínda que só sexa algo provisional.