Mar de vida e de morte

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

15 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O MAR é vida, se non nola quita. Sucesos como o do afundimento do Bahía cerca de Corme, quítanlles as ganas de faenar aos máis optimistas. Hoxe en día ninguén quere ir ao mar. Só o fan os máis arriscados, os máis valentes ou os máis temerarios. Sobre o mar, sobre os perigos do mar, hai moito escrito e pódese escribir moito máis, pero o certo é que o nome de Costa da Morte non se lle puxo por capricho nin sen motivo. Está máis que xustificado, dadas as desgracias que houbo que padecer ao longo da historia da nosa bisbarra. Evidentemente, se manexamos cifras, non morre tanta xente como nos accidentes de tráfico, pero aínda así coller un barco e poñerse a traballar no mar é un perigo constante. Cada vez hai menos mariñeiros e os patróns teñen que botar man dos inmigrantes, que están dispostos a facer calquera tarefa con tal de legalizar a súa situación e poder mandar incluso algúns cartos para o seu país de orixe. Agora a situación cambiou algo e os españois xa non queremos facer aquí o que se facía antes no estranxeiro. Factores Con todo, hai outro factor que bota para atrás aos mariñeiros da terra á hora de decidirse a embarcar nunhas condicións que non son sempre as máis idóneas. Falo de razóns económicas, xa que se ben xa baixou significativamente a emigración ao estranxeiro, os galegos, e entre eles por suposto os da Costa da Morte, collen as maletas e diríxense ás Canarias en busca do que non encontran aquí: mellores salarios e mellor clima. Aínda así, non todo é ouro nestas illas afortunadas. Quizá as condicións de traballo non sexan moito mellores que as que temos aquí, pois para conseguir eses soldos impensables por estas terras, hai que facer moitas horas extras e traballar os sábados. Seguridade Ademais de todo esto que dixen sobre os perigos da pesca, sobre todo cando se vai pescar a alta mar, os responsables dos barcos fan como os responsables das obras, pois non hai que esquecer que tamén hai risco sobre os andamios e prodúcense moitos accidentes por non respectar as normas establecidas legalmente para aforrar cartos ou por outras razóns. Os chalecos hai que poñelos sen pensalo dúas veces. Fan falta máis e mellores medidas de seguridade. Vinte e catro mil mortos ao ano no mundo é unha cifra arrepiante. E para maior traxedia, para máis tristeza, en moitos casos nin sequera se recuperan os cadáveres para darlles o último adeus.