RADIOGRAFÍAS | O |
01 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESFUMOUSE O soño dourado en Corcoesto. A empresa que tiña pensado sacar ouro no municipio cabanés chegou á conclusión de que en Bergantiños non estaba El Dorado e aprazou os plans de explotación mineira. Segundo parece, o gasto económico que habería que facer non compensa; para extraer un ou dous gramos de ouro habería que remover e traballar unha tonelada de terra. De cativo, quizais influído polo libro de R.L. Stevenson, A illa do tesouro , sempre soñei que en calquera monte da parroquia, escavando dous ou tres metros, atoparía un prezado botín enterrado por algunha banda de piratas. Na adolescencia descartei esta posibilidade e posteriormente só busquei tesouros xogando á prosaica lotaría primitiva ou á quiniela de fútbol, por certo, sen fortuna ningunha. Porque cando Stevenson escribiu a súa obra aínda podían existir piratas románticos que agochaban baúis con moedas de ouro en calquera illa deserta. A día de hoxe os piratas que sobreviven xa non usan parches no ollo, nin pernas de pao. Agora non hai quen os distinga, poden empregar traxes de alta costura, portar maletíns de coiro e incluso ocupar un alto cargo público. Ademais xa non enterran tesouros, empregan cartos de plástico domiciliados nunha conta en Lausana ou en Laos. Non hai illas paradisíacas, agora hai paraísos fiscais. Os únicos botíns que eu vexo meter entre a terra é nos actos oficiais. Cando se coloca a primeira pedra van en procesión os políticos locais, os delegados provinciais e algún conselleiro. Diante dos xornalistas meten nun burato uns xornais e uns céntimos que por riba, manda nabo, acostuman a pedirlle ao obreiro que anda por alí co pico e coa pala.