RADIOGRAFÍAS | O |
28 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.FORON TRES millóns de euros, arriba ou abaixo, os que se gastaron dende A Laracha ata Fisterra en orquestras e foguetes. A min, que para esto das sumas son unha miga desconfiado, non me estrañaría que a cifra final estea máis preto dos catro ca dos tres millóns de euros. Nun municipio, non próximo á nosa zona, pagóuselle a unha orquestra de renome no día das festas patronais 18.000 euros, dese montante o Concello aportou a metade. Houbo máis días de romaría e a conta final multiplicouse case por cinco. O caso é especialmente grave xa que as arcas locais atravesan dende hai meses unha situación merecente de quirófano. Pero, como na Roma máis decadente, canto peor estea todo máis se necesita o circo. Antes saían os leóns a devorar cristiáns e agora ao vulgo entreténsenos con pasodobres, cumbias e bombas de cinco estalos. E daquela penso outra vez neses fondos europeos que nos choven dende hai anos coma caramelos, nos millóns de euros que nos dan para chegar á media europea. A pesar das inxeccións constantes non saímos dos últimos postos do benestar continental. ¿Imaxinan se chegamos a estar ao nivel económico dos demais? Poñeriamos orquestras para amenizar os plenos ordinarios.