43 quilómetros

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

17 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE A súa casa hai exactamente 43 quilómetros. Primeiro chegar ata Cerceda, logo atravesar as parroquias de Meirama e Soandres, baixando o vello Xalo, e entrar en Celas de Peiro. Despois a N-550 á altura de Sigrás, hai que ir deixando atrás Alvedro, Vilaboa, O Portazgo e velaí a cidade atlántica rebulindo na súa península. Fixo aquel percorrido centos de veces para ir facerlle a alguén unha visita ao hospital, para ver algún que outro partido do Dépor ou para saír de troula pola zona do Orzán cos compañeiros. Tamén para ir selar a tarxeta do paro á oficina do Inem en Eirís... A Coruña recibiuno cun ceo azul radiante e o sol inmóbil apuntando para a zona da torre de Hércules. Aparcou preto da praza da Palloza e fixo o tempo fumando uns cigarriños nun banco do parque. Era día de semana, martes máis concretamente, e a xente bulía pola rúa coa rapidez de quen entra a traballar ás catro da tarde. Os únicos tranquilos, case aburridos, eran os xubilados facendo debuxos cos seus bastóns no cemento. E daquela chega Laura, como cada martes e xoves que libraba pola tarde. Os vaivéns da súa melena negra e aquel sorriso que se vía á distancia eran a mellor constatación de que 43 quilómetros non son nada.