Un proxecto de vida para Dombate

Pilar Prego Lamas CARBALLO

CARBALLO

Reportaxe | Un dolmen paradigmático Os plans de recuperación do xacemento cabanés permitirán ao gran público despexar moitas das dúbidas sobre os monumentos funerarios propios do Neolítico

13 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Con motivo do que xa parece ser unha realidade, a rehabilitación do famoso dolmen de Dombate, o Neolítico -e con el o seu fenómeno máis característico en Galicia, o megalitismo- vaise converter nunha cultura coñecida por todos. Esta é, sen dúbida, unha das principais pretensións do proxecto contratado pola Deputación ao equipo de Playmedia Mottion Graphics. Dombate é un xacemento paradigmático, aínda que non o único que recolle as características fundamentais dun momento da historia onde se xeraliza o rito do enterramento colectivo a través de grandes dólmenes con corredor que supoñen auténticos panteóns monumentais. Dombate é importante porque explica de maneira xenuína un xeito de morrer, a través dun monumento formado con grandes lousas, corredor de acceso, pinturas, gravados e esculturas de pedra denominadas idoliños . Con estas premisas convértese nun dos túmulos máis importantes de Galicia, e ademais, agora, abandeirado dun proxecto que suporá un fito dentro deste tipo de xacementos arqueolóxicos. Aínda que non avaliada na súa totalidade, a distribución de túmulos ao longo de Galicia pode superar os dez mil. Sen ir máis lonxe, na mesma Costa da Morte temos exemplos que darían para proxectar un auténtico parque temático do megalitismo. Pero, aínda que numerosas, estas estructuras parecen adquirir certa impersonalidade e aloxar en nós moitas dúbidas. ¿Que é un dolmen? Chamado tamén anta, mámoa e túmulo, a simple vista tan só parece, é de feito é, un conxunto de grandes pedras dunha monumentalidade que impresiona. Pero esta imaxe alberga moito máis. De feito, a forma xenérica destes monumentos tumulares conforma un montículo artificial de terra que recubre partes como o corredor, e nalgúns casos poden presentar corazas pétreas e aneis perimetrais. ¿Cal era a súa utilidade? O seu fin básico é o funerario, é dicir, maxestuosos lugares de enterramento dos homes e mulleres do Neolítico. Á parte desta práctica estrictamente funeraria, intúese neles unha función de tipo relixioso e incluso social. Como recolle o profesor Antón Rodríguez Casal, este significado pódese deducir «á hora de analizar os contidos materiais das mámoas», é dicir, as ofrendas funerarias. Entre os obxetos atopados en Dombate temos contas de colar, puntas de frecha, cerámica de calidade... pero non todos os enxovais son de igual tipo e calidade, suxerindo diferencias de riqueza, o que reflectiría os índices de organización destas comunidades. Polo tanto, os ritos funerarios variarían según a importancia do morto. ¿Por que facer dólmenes co esforzo que supoñen? Esforzo, moito, contando que na aquela época os lastres e poleas non facían o traballo duro. Sen dúbida, estas estructuras supoñían un auténtico derroche de enerxía colectiva que vai dende a extracción das lousas na canteira, o seu transporte, a preparación do terreo e, finalmente, o erguemento das pedras. Dita pregunta tan só pode ser respostada se pensamos na importancia que a morte tiña na vida, como un acto de superstición ou crenza de asegurar unha boa caza ou colleita, e, polo tanto, de outorgarlle un enterro nobre e decoroso ó difunto. ¿En que momento se dá este fenómeno? É a partir do IV milenio, dentro do Neolítico, nun momento onde o home prehistórico comeza a domesticar a natureza, conformando pequenas unidades sociais relativamente igualitarias cunha base económica agropastoril, cos seus hábitats espallados ao longo do territorio, o que fai pensar que estes megalitos, ademais de sinalar un espacio sagrado, servirían tamén como sistema de identificación dunha determinada poboación e como marca de territorialidade. ¿Pero onde vivían? Esta pregunta, de momento, debe ficar sen resposta. Isto é a consecuencia da extrema acidez do chan galaico, cun grao moi elevado de PH que fai que non se conserven restos materiais e humanos. Quizais sexa esta unha paradoxa galega, sabendo onde morrían os nosos homes neolíticos, pero non onde vivían, da mesma maneira que coñecemos onde vivían os mitificados castrexos, pero non onde morrían. ¿Que se pretende facer? Dombate quérese conservar como vestixio dunha época que nos fala dunha forma de entender a vida. E, debido á súa significación, como megalito modelo, quérese proxectar coma un centro de interpretación, estudio e coñecemento do megalitismo en Galicia. Co plan de recuperación avógase non só pola protección do megalito, senón que existe a intención de garantir o coñecemento a través dunha musealización de tipo didáctico, levada a cabo polo prestixioso museólogo Joan Santacana. Tratarase de recoller o como, cando e porque dun pasado que, coñecéndoo, quizais nos sirva no presente para preparar un futuro onde o home volva a vivir en harmonía coa paisaxe, e saber así que e o que lle debemos aos xigantes do pasado.