Fecundidade

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

13 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A PEDRA de Abalar fai milagres. O último aconteceulle a un matrimonio compostelán que logo de doce anos intentando ter un segundo fillo conseguiron o obxectivo tras unha visita ao fermoso santuario muxián. Non me atrevería a pensar, como máis dun, que todo se debe a unha simple casualidade. Alí, naquelas rochas que se ofrecen ao mar bravío, respírase vida, e onde hai vida ferve o sangue, e onde ferve o sangue, se non se toman as debidas precaucións, pódese xerar a vida. O mundo éche unha sucesión de círculos concéntricos, un complicado xogo de palabras... Aínda que eu estou seguro que os lugares por antonomasia para atopar a fecundidade non son nin os santuarios nin a praia da Lanzada. Creo, sen temor a equivocarme, que os sitios máis axeitados son as romarías multitudinarias. Un exemplo bo é a romaría dos Caneiros en Betanzos. Hai ben anos, antes de que as farmacias expenderan masivamente artificios de látex e comprimidos hormonais, o río betanceiro era testemuña muda dos vaivéns que preludiaban a chegada de novos conveciños pequenos á bisbarra. Algo semellante sucedía hai décadas en moitas das máis afamadas romarías da Costa da Morte. A festa era vida en acto e en potencia.