Oficio de verán

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

28 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO estaba un día marabilloso de praia. Achegueime ao areal de Razo pouco despois de xantar e xa tiven que aparcar a unha distancia considerable da praia. Botei protección solar por todo o corpo e estomballeime ollando á xente que tiña ao meu arredor. Aos poucos minutos tiven que erguerme e buscar o refresco da auga. A bandeira estaba amarela (o normal nesta praia) e o mar daba esas ondas bravas que o fai tan particular. Non me metín moito adiante, ponme nervoso notar esa corrente que tira de lado. Así e todo, bañámonos nunha zona marcada polos rapaces de Protección Civil, a escasos metros dous vixiantes observan aos bañistas dende o areal e máis aló outros dous fan garda nunha lancha neumática. É sen dúbida unha das praias máis vixiadas das que coñezo. Hai anos que non se rexistran incidentes de importancia. Recordo sendo neno, na década dos oitenta, a cantidade de bañistas que perderon a vida neste areal. Podemos estar orgullosos de contar hoxe en día cun servizo de socorrismo eficaz na maioría das praias da bisbarra. Tamén é tarefa nosa guiarnos e atender as indicacións deses rapaces que teñen por oficio seguir mantendo a praia como lugar de diversións e non de desgrazas.