Procesando a información

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

23 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FALTAN aínda máis de dúas semanas e xa anda miña avoa argallando para que a familia celebre as festas de San Salvador de Sofán. Comentoume hai escasos días que ela xa non estaba para organizar «enchentas» pero que moi gustosa pagaba os gastos cos cartos que aforra da pensión. Como non me paraba de insistir co mesmo tema, apunteille a posibilidade de que, en vez de facer a tradicional comida, podía repartir os euros entre os amantísimos netos. Por suposto, a miña idea quedou desbotada sen posibilidade de réplica. Como é lóxico, miña avoa réxese por un centralismo democrático no que non temos capacidade de manobra os netos. Logo de pasar un par de horas de leria con ela, recapacitei na estraña facilidade de comunicación que temos, a pesar de que nos separa máis de medio século de vida. Non perde o contacto coa realidade e fálame de Zapatero, da sucesión de Fraga, dos papeis secretos de Aznar e ata da política local de Carballo. Para todo iso le de vagar o xornal e ve varios noticiarios da televisión. Logo cos seus propios esquemas, case sempre retranqueiros, peneira esa información e saca unhas conclusións moi orixinais que non sempre coinciden co politicamente correcto (nin falta que lle fai). Así, para ela, as sucesións políticas son coma unha partilla: Aznar deixoulle a mellora a Rajoy pero quedoulle con algúns papeis do testamento (léase documentos do CNI), Felipe mira moito por Zapatero e seguro que aínda lle dá algún consello... O que ten claro é unha cousa: o das pensións. Goberne quen goberne non lle vai influír a fin de mes, porque, segundo razoa cunha seguridade rotunda, «ti non ves que xa estamos cobrando o mínimo».