RADIOGRAFÍAS | O |
29 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O SOL comezou a caer para o outro lado do Monte do Gozo. Perdeuse por detrás dun cotarelo e no ceo foron quedando uns vestixios da cor das laranxas máis vermellas. No auditorio, milleiros de persoas agardabamos que os Red Hot Chili Peppers fixeran acto de presenza e nos demostraron que a música, cando hai paixón e calidade, transcende fronteiras. Levabamos alí case tres horas. A xente botábase ás barras na busca de cervexa, bocatas e refrescos, a noite ía para longo. Outros parolaban en grupos, en linguas diversas. Os acentos marcaban as procedencias e algún, antes de comezar os primeiros acordes, xa tiña o sistema fonolóxico prexudicado pola inxestión de líquido e fume. Pero todo dentro dunha harmonía respectuosa, a mesma que ás veces é imposible de atopar nos relucentes locais de moda, onde trepar un pé pode ser sinónimo de malleira e visita a un centro do Sergas. Para min o único misterio do concerto é como un paisano pode beber tres litros de cervexa e non baixar a petrina para evacuar nin unha soa vez. A miña compañeira sácame do dilema: «Iso é que lles gusta moito o grupo e ata se lle esquence ir ao servizo». Non discuto, se a fe move montañas non ten por que non conter unha simple e insignificante vexiga humana. No ceo xa se esborrallaron as tonas alaranxadas e deixaron paso a escuridade. Os focos son coma faros halóxenos escrutando un exército de xente. Velos aí están coma sereas, ceibando as notas musicais, acariñadas por un vento maino. O público tararea ao unísono By the way e todo é case tan fermoso coma cando minutos antes o sol se perdía de vista no Monte do Gozo, buscando o agocho para a banda de Fisterra.