Queimada cheirenta

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

26 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A PASADA xornada de San Xoán, co conto da tradicional queimada que se toma nesa noite, recordei unha anécdota que lle pasou a un amigo meu hai anos en Santiago preparando nesta bebida. Este compañeiro coñecera a dúas estudantes italianas que viñeran a Compostela nese programa europeo coñecido como Erasmus (o mesmo que os estudantes máis farreiros denominaban Orgasmus). Un día, el e máis outro compinche, convidaron ás dúas rapazas estranxeiras ao piso, para ofrendarlle unha comida típica do país. Os dous tiñan en mentes chegar a algo máis que amizade coas guapísimas ragazzas italianas; así que hipotecaron os cartos de toda a semana e marcharon á praza de Abastos a buscar os productos para a cea. Tiraron a fráxil economía estudantil pola ventá: dous quilos de mexillóns, catro nécoras contadas e outros tantos bistés de tenreira galega. De beber, unha botella de ribeiro e dous litros de caña do país para facer queimada. Logo de paparen a cea, un dos aborixes indicoulles que as ían obsequiar cunha espectacular bebida. Apagou as luces e aló se puxo cunha queimada sui generis , feita nunha pota barata. Recitando uns versos inventados, comezou o remexer no líquido inflamado coa culler sopeira. As italianas aplaudían como se estivesen vendo unha tribo bosquimana no National Geographic . De seguro non sabían de que algo ía mal: a cazola en cuestión quedou máis que queimada, torrada. A historia foi famosa na faculdade, os dous compañeiros quedaron limpando na desfeita da cociña e aireando un piso que semellaba unha central térmica. As italianas, estrañadas polo rito cheirento, despedíronse e saíron tomar algo pola cidade.