Civismo e bacoriños

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

19 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COMENTABA Cristina Viu nunha columna de opinión o costume dalgunha xente que se pon a comer pipas e guinda as cascas na praza de Carballo. Habería que reflexionar se iso o faría alguén no salón da súa casa, por exemplo. No fondo subxace unha idea que teño exposto aquí moitas veces: a falta de conciencia de que os lugares públicos son de todos. Pero neste noso mundo tan individualista o único que interesa é o privado, o propio. Así non é estraño que mentres que vostede vai conducindo todo tranquilo diante súa vaia un automóbil dedicado a lanzar proxectís pola fiestra: papeis, botes de refrescos, cabichas de cigarriños, ou unha mostra de mucosidade pulmonar ao vento. Tampouco importa que o rapaz se poña pintar cun bolígrafo no mobiliario de madeira municipal, mentres que non se lle dea por montar o circo nos sofás da casa non é preocupante: «Chus, mira que simpático el nené. No se le dió por estrebillar con el boli en el columpio. Sale a mí, que también me gustaba el dibujo artístico y esas cosas...» Se vostede, con toda a razón, lle chama a atención ao condutor-bacoriño ou á mamá (ou papi) que permite que o terremoto acabe co parque quizais teña máis que ouvir.