O CARTAFOL | O |
28 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.COMEZO ESTE artigo dicindo que suscribo o que dixo Ramón Vilar nunha radiografía titulada «Pasear sen coches», que se publicou neste xornal o día 6 de xaneiro. Apuntei a data porque quería engadir algunhas cousas sobre o tema sempre tan polémico das rúas peatonais. Como en calquera outra cuestión, hai moita xente partidaria de humanizar as vilas e as cidades e outros moitos ós que lles parece absurdo eliminar prazas de aparcamento. Estes últimos son sobre todo persoas que teñen dificultades para andar uns pasos, polo que o seu desexo é deixar o coche aparcado diante da porta do comercio ó que vai ir facer as súas compras. ¿Non é mellor aproveitar para dar un paseo? Por iso digo, sen saber ben se teño toda a razón ou non, que algunhas rúas, todas as que permita a ordenación do tráfico urbano, deben ser para as persoas, para que estas poidan camiñar sen agobios e con tranquilidade, coa tranquilidade que dá unha rúa sen o ruído dos tubos de escape e con moito espazo para pararse incluso a conversar cos amigos. Prescindamos, pois, do coche na medida do posible e humanicemos as rúas da vila andando. Xa case rematada a rúa do Hórreo, a primeira impresión é totalmente positiva para os carballeses, por máis que algúns comerciantes se mostrasen escépticos cando lles presentaron o proxecto. Creo que axiña cambiarán de opinión, sobre todo cando acaben as obras na rúa Coruña, que quizá debería ser totalmente peatonal e non semipeatonal. Incluso se debería ir máis lonxe nestas pretensións e eliminar o tráfico das rúas Desiderio Varela e Colón, aínda que quizá resulte difícil mentres se siga celebrando a feira na praza do Concello. O experimento das rúas comerciais sen coches foi un éxito rotundo en moitas cidades. ¿Por que non vai selo en Carballo? ¿Ou é que queremos ser distintos torcéndolle a cara ó progreso? Porque creo que o feito de dispoñer de máis espazo para a xente, significa progreso e non o contrario. En canto ó aparcamento subterráneo, opino que non lle fai mal a ninguén e beneficia a moitos. Fago referencia a un anuncio televisivo no que se nos di que nun mundo perfecto habería o dobre de prazas de aparcamento. Logo, ¿por que non construír un aparcamento subterráneo arredor da praza do Concello? Xa se fixo noutros lugares, poñamos por caso Betanzos, e deu reultado. Hai quen considera que o túnel da rúa Coruña é unha obra faraónica e innecesaria polo de agora. Será o tempo o que nos convenza do contrario, ou iso espero.