Beleza en papel couché

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

29 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DESGANADO e coa cociña de ferro acesa púxenme o domingo pola noite a ver a televisión. Mentres que fóra facía un frío máis que considerable para estas datas, unha canle retransmitía o concurso de Miss España. Non había moita alternativa, na segunda Sánchez Dragó entrevistaba a un xornalista marroquí que fora encadeado no seus país por exercer a liberdade de expresión. Por suposto, máis que unha entrevista era un monólogo de Dragó. Así que entre o morbo e o masoquismo púxenme a ver a esas princesiñas que soñaban con ser raíñas por un ano. O espectáculo non me deixou indiferente. As rapazas agardaban nerviosas os dictames do xurado, á vez que escoitaban tópicos trasnoitados sobre «la belleza femenina». Algunha poñía cara de estar no transo máis importante da súa vida mentres os organizadores mantiñan o suspense. A min, que me parece que istes espectáculos teñen un cheiriño machista, de crónica social con mulleres-floreiro, recordei que ao remate todo é negocio: moza guapa e coche deportivo igual a home satisfeito. En fin, iso que no xénero épico se denomina o descanso do guerreiro. Mágoa que tanta beleza acabe murchando en páxinas de papel couché.