Os amigos de Sara

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

27 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SARA TEN vinte anos e uns ollazos verdes coma os prados que lamben o mar en Touriñán. Cada día érguese ás sete e dez da mañá, pasa pola ducha e logo detense a ler o xornal e a almorzar nunha cafetaría antes de meterse na súa oficina. As mañás cara aos traballos son máis fermosas para os que coñecen a dificultade de loitar contra o mundo e contra si mesmos. Os días poden ulir a panadarías e a camións que descargan as súas mercancías, ruidosos, xunto á nave do mercado. Dende hai seis meses ten un contrato de telefonista e o corazón aínda lle segue fervendo cada vez que recorda o día que a chamaron para a entrevista. Aquela mañá, Carballo vestírase dun sol de outono xoguetón e pensou que na vida non hai imposibles, só obstáculos que salvar, cando aquel home sentenciou: «Sara a partir do luns empezas a traballar. Que teñas un bo día». E abofé, a xornada non poidera ser mellor. De volta na casa, ao comunicar a nova, a nai sacou con nervios o mandil antes de darlle unha aperta enorme e, á hora de xantar, ao pai esvaroulle traidora unha bágoa que caeu coma un croio no mantel da mesa. Depois chamou a todas as amigas para comunicarlles a nova e quedar con elas para sairen o venres. Por iso esta semana tamén se lle ceibou a Sara unha bágoa enriba do titular do xornal mentres removía o café: «Aspaber encargarase de limpar as rúas de Carballo. O contrato contribuirá á integración de trece discapacitados psíquicos». Debuxóuselle un aceno de ledicia nas súa cara; ela sabe mellor que ninguén o que é pelexar por superarse, por iso decidiu que a primeira chamada do día sería para felicitar aos vellos compañeiros de tantas fatigas. ¡Noraboa!