O CARTAFOL | O |
26 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.«A VECIÑA de Ames asasinada polo seu compañeiro foi enterrada en Carballo». A información apareceu en La Voz de Galicia no mes de xullo, pero por desgracia estará de actualidade quizá aínda durante moito tempo. Cada vez que leo unha noticia destas, trémeme o corpo enteiro e paralízaseme o corazón. O asasinato dunha muller por problemas conxugais, paréceme o acto máis covarde e repugnante de cantos se poidan cometer por outros motivos como as guerras, o narcotráfico ou o terrorismo. Abuso Un home non pode abusar da súa forza, da súa superioridade física (que non intelectual) para desfacerse da súa cónxuxe. Calquera solución (a separación, o divorcio de mutuo acordo) é mellor que coller o coitelo, a macheta ou a escopeta para cometer un crime que non debería ter perdón de ningún tipo, un crime que debe ser condenado sen compaixón. Vale máis desaparecer, vale máis ser desprezado pola familia, vale máis perder a custodia dos fillos, vale máis perder a casa ou mesmo todo o patrimonio que segar desta maneira a vida dunha persoa indefensa, indefensa na casa e indefensa por parte das institucións públicas que non actúan como deberían para evitar estes desenlaces tráxicos. Sinto vergonza allea cada vez que leo no xornal información sobre estes crimes de víctimas inocentes. ¿Que pretende demostrar un home que mata? Con todo, a muller tamén ten que colaborar coa xustiza presentando máis denuncias cando aínda se está a tempo de impedir unha desgracia na familia. As mulleres teñen que concienciarse e ser valentes, perder o medo e coller o touro polos cornos. Aínda así, as institucións ás que pode acudir a muller maltratada deben poñer á súa disposición máis medios para previr. As condenas deben ser maiores e maior debe ser o control sobre os presuntos criminais. Manuel Rivas Recollo unha cita do libro titulado Muller no baño de Manuel Rivas: «A estatística tamén ten o seu envés sinistro e terrible. De carne morada e ósos tronzados. O agora chamado terrorismo doméstico, que antes se encubría co eufemismo de crimes paixonais, e o escravismo sexual. Estas cristas perturbadoras na estatística delictiva contra a muller, segundo a voz oficial, e tal como expuxo no seu último informe o fiscal xeral do Estado, non cabe consideralas modalidades criminais en alarmante aumento, senón consecuencia dunha maior información e da dispoñibilidade das víctimas a denunciar o que antes silenciaban».