Unha bala no espiñazo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

24 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DE MANOLO Leboredo cóntase que foi un dos nosos paisanos que máis prosperou polos mundos da emigración. Con pouco máis de catorce anos colleu o camiño da diáspora, logo de traballar once meses como aprendiz de carpinteiro en Carballo e xuntar, coa axuda dunha tía ben casada, os cartos xustos para pagar o porte a Buenos Aires. Era setembro de 1923, poucos días antes de que o dictador Primo de Rivera referendara a caída do goberno de García Prieto. Aló empezou o seu periplo traballando nunha cantina, despachando licores e escoitando e atendendo aos obreiros galegos despois das incontables horas de traballo. Con só dezasete anos, Manoliño Leboredo, montou a súa propia taberna que había ser famosa en todo Buenos Aires polos excelentes chourizos e un viño que tiña o don de facer cantar a calquera que non tivera tino coa bebedela. Pero á fama de bo comerciante sumábaselle no caso de Leboredo as súas innegables artes coma seductor. Contan que máis dunha arxentina caeu desmaiada diante da voz melosa do bergantiñán, que falaba un castelán inzado de fermosísima gheadas herdadas da vella lingua do país. Con vinteseis anos a súa fortuna era xa tan considerable que prominentes políticos e militares daquel país, xantaban os domingos na súa casa. A súa meteórica sona truncouse cando aínda non chegara aos trinta anos. Un xeneral ciumento zorregoulle un balazo no mesmo espiñazo cando o atopou en posición pouco decorosa coa lexítima. Quedou prostrado nunha cadeira de rodas, vendendo aos poucos toda a fortuna que amasara. Din que de vello aínda moulaba as súas penas polas esquinas: «El querer, a veces, te trae buenas fandanghadas», marmuraba.