RADIOGRAFÍAS | O |
11 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O TRABALLO escasea e convírtese nun ben de luxo. Esta semana mesmo, La Voz daba a coñecer uns datos da Xunta dos que se desprendía que máis de 700 veciños da Costa da Morte perderan o seu traballo durante o ano pasado. E segundo os sindicatos, a cifra real aínda podería ser maior do que apunta o Servicio Galego de Colocación. Eu que me mareo cos números, non teño nin a menor idea se é así ou é máis. Pero aínda que se trate de 700 parados a cifra é suficientemente clarexadora da difícil situación na que se atopan as nosas comarcas. Unha das frases máis repetidas que escoito por aí é a de: «Se sabes de algo, é que levo meses buscando». A maioría son mozos e mozas co flamante título debaixo do brazo, a punto de darse conta de que a vida diaria está mellor reflectida en Los lunes al sol que en calquera telexornal. Pero tampouco faltan mulleres e homes maduros. Xente curtida por anos de traballo duro ao pé dunha estada ou dunha máquina de coser e que un mal día se ven abocados a deixarse ir polo río triste que é a cola do paro. Os gurús políticos, os burócratas, predican dende os seus púlpitos a chegada do pleno emprego... Que polo menos busquen solucións dunha maneira directamente proporcional ás súas (ás veces) impúdicas dedicacións exclusivas.