RADIOGRAFÍAS | O |
07 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.UNHA DAS primeiras clases que tiven cando cheguei á universidade tiña como protagonista ao catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero. O profesor, que xa daquela levaba décadas no ensino, díxonos que se alegraba moito de que nos adentraramos no mundo da Filoloxía e que non nos tiveramos inclinado polo Dereito. Depois falounos da xustiza e púxonos como exemplo unha noz que se puxo a debuxar na pizarra. Na parábola, cada unha das cascas simétricas representadas era unha das partes condeadas a enfrontarse no preito e o interior, o froito, era o que papaban os profesionais da lei. A anécdota, que contou medio en broma e penso que atribuiu a algún dito popular, ergueu o sorriso cómplice do alumnado que seguía atento as evolucións do catedrático. Despois, durante a miña estancia coñecín estudiantes de moitas carreiras, entre eles algúns que acabaron licenciándose en Dereito, por vocación ou por imposición e tradición familiar. Cando me atopo con eses compañeiros pola rúa e leriamos do divino e do humano decátome de que a parábola non sirve polo menos para aplicarlla a toda a profesión. A maioría ou opositan ou pasan horas e horas en prestixiosos despachos a cambio de salarios que raramente sobrepasan os cincocentos euros ao mes. Por iso se as cascas as seguen levando as partes e, polo visto tamén os novos licenciados en dereito, agora quédame por dilucidar quen leva o froito. Aló se vai abaixo toda a cómica teoría prantexada. Claro que isto mesmo pasa cos filólogos subcontratados ao negro, cos médicos sen receitas para o paro, cos psicólogos desmoralizados, cos oculistas que non ven futuro ou cos xornalistas na busca dun xornal.