As linguas a pacer

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

03 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

É CURIOSO a capacidade que ten a xente (temos) para prexulgar sen suficientes elementos obxectivos para facelo. O sábado pola noite foi a gala dos Goya que, como xa saben, veu cargada de polémica por mor do documental de Julio Médem sobre a situación que se vive en Euskadi. Foron moitas as voces que se ergueron contra o cineasta ao que incluso chegaron a acusar de estar da parte dos verdugos e non das víctimas. Tamén, pola contra, houbo ben deles que se manifestaron en favor da liberdade de expresión e en contra da censura artística. Pero o que máis me chamou a atención foi ler o domingo en La Voz as declaracións dunha señora que berraba indignada enfronte do Pazo de Congresos de Madrid contra Julio Médem e confesaba sen rubor que nin sequera vira un fotograma do documental. Con isto quérolles dicir o inxustos que somos ás veces á hora de lanzar acusacións. Temos esa estraña capacidade de falar antes de pensar e ese mesmo vicio lévanos a miúdo a cometer disparates. A isto súmaselle a espallada teima de xeralizar. Sei ben do que falo. Póñolles un exemplo: cada vez que se produce un roubo nunha comarca próxima o primeiro que se comenta é: «Foron os de Carballo». Eu, para amolar, aos que o din sempre lles espeto: «Eu son de Carballo». A reacción do interlocutor é para bortarse a rir. Outro caso: Cando era máis noviño recordo que se empezou a correr o rumor de que na aldea había endroghados . As probas eran contundentes: había xiringuiñas nos contentores do lixo. Claro que eran pouco consistentes, alguén se deu conta que as mesmas eran dunha miña tía avoa que se medicaba por mor da diabete. É que ás veces botamos a lingua a pacer...