As penas do Marelo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

14 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UNS VECIÑOS pedíronme que falara do problema que ten o can comunal da nosa aldea: o Marelo. Este animal de palleiro chegou ao pobo hai xa case dous anos cunha pintiña de esfameado que daba pena. Coma se do porquiño de San Antón se tratase, os veciños, especialmente os nenos, agarimaron con múltiples coidados ao can que, en poucos días, foi recuperando un corpo antes afeito ás calamidades. Pois o Marelo, que polas canas brancas ben se ve que vai vello, ten nos ollos unhas cataratas de libro. Parece un milagre que, a pesar de andar sempre pola rúa e vivir ao lado da estrada Carballo-Ordes, se teña librado dun accidente. A única explicación para o asunto é aquel refrán de «sabe máis o demo por vello ca por demo». Estes días de xaneiro nos que sopra un vento tolo, O Marelo busca agocho nos portais das casas. Iso si, cando pola tarde o autobús escolar trae de volta aos nenos da aldea alí está el coma un reloxo, para esperalos na porta e acompañalos xogando ata a casa. Aínda que a xente ten toda a razón co conto das cataratas, eu creo que o can tamén ten outros problemas. Ultimamente deuse máis a vello e xa non está para moitas lerias. Paréceme que sei por onde veñen os tiros. Hai uns meses, o can viviu un romance cunha cadela de Carballo que se estableceu na aldea. O Marelo non saía de diante da casa da amada, e eu non era o único que pensaba que pronto había de haber mareliños. Pero a vida, esa lurpia esquiva que agarda traidora, quixo que unha doenza levara á cadela sen que o veterinario puidera facer nada. Para min que aí radica boa parte dunha tristura que lle aniña nos ollos, xusto detrás desa tea borrosa que son as cataratas.