Vogando de couse

MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

CARBALLO

08 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O SÁBADO 27 de decembro no hotel Finisterre de Fisterra tivo lugar un acto literario no que se presentou o poemario Vogar de couse de Alexandre Nerium. O vento mareiro axudou para que o salón se ateigase de fisterráns de nación e de fisterráns de corazón. Din que a xente de Fisterra é moi especial. Podo asegurar que é certo porque alí estaban tódalas mans dos mariñeiros aplaudindo e gozando coa boa singradura dun compañeiro seu. O autor do libro é mariñeiro e vive do mar. Coido que Alexandre é o mariñeiro máis rico de Fisterra porque cando non hai xoubas recolle media ducia de poemas e feliz enfía a proa da chalana ou da buceta para o peirao. Para o académico e catedrático Francisco Fernández Rei, estes poemas son a metáfora da singradura existencial humana e di que Alexandre Nerium experimenta con quintetos encadeados, algo que nunca se fixera na poesía galega. Estamos diante dun magnífico feixe de poemas que o autor divide en cinco libros. O primeiro é o da primavera da vida, da inocencia; o segundo é o da adolescencia, o verán; o terceiro é o da madurez, o cuarto é do comezo do inverno e o quinto é o inverno pleno, sen luz, cando remata a vida. O libro quere ser unha homenaxe solidaria á xente e ó mar de Fisterra. E quen fai a homenaxe é un dos seus, un mariñeiro que medrou arredor dos baixos, dos cabesos, dos petóns. Un mariñeiro que entre rutías, maraxes e axadas foi erguendo o que hoxe é Vogar de couse un referente que brilará con letras de ouro en tódalas futuras antoloxías ou escolmas poéticas que fagan os investigadores. O traballo de Alexandre Nerium significa nada máis e nada menos que unha achega que moderniza o léxico galego do mar. O modernizador Nerium continúa o labor feito con anterioridade por Manuel Antonio, Bernardino Graña e Méndez Ferrín. Nos seus versos Alexandre utiliza un moi amplo léxico mariñeiro que é patrimonio da xente da Costa da Morte como os tombos, coídos e fisgas. Introduce no galego literario formas propias de Fisterra como os ferretes, a arnela, o xaramiño ou a fogada. O noso poeta de Fisterra recibiu varios premios (Rosalía de Castro, Antón Zapata, Meigas e Trasgos, Faustino Rei Romero, Johán Carballeira), pero eu sei que ningún premio pasado nin futuro poderá supera-la emotiva festa que lle dedicaron os seus veciños o pasado sábado 27 de decembro. Os seus compañeiros do mar leron poemas tal como se estivesen lendo nas redes ou nos trasmallos e cando Alexandre lía o poema de peche do acto eu pensaba nos emigrantes na Arxentina. Desexo que os fisterráns americanos de Avellaneda poidan abrazar e escoitar a Alexandre Nerium (Francisco Manuel López Martínez) e propoño que no vindeiro 17 de maio lea os seus poemas en Bos Aires como lexítimo embaixador cultural da vila de Fisterra.