Reportaxe | O fisterrán Alexandre Neriu deu a coñecer «Vogar de couse» Ducias de veciños e amigos do autor foron á presentación do seu primeiro libro individual
30 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Fisterra vestiuse de gala o sábado á noite para recibir o primeiro libro individual de Francisco Manuel López Martínez, coñecido no mundo literario por Alexandre Nerium. Mentres nas rúas da vila mariñeira un vento racheado escachaba máis dun paraugas, no interior do hotel Cabo Finisterre un salón ateigado de xente daba calor ó acto. Expectación A presentación do poemario Vogar de couse conseguiu que unhas duascentas persoas acudiran a arroupar ó seu autor. O feito non pasou desapercibido, cóntanse cos dedos das mans as veces que un libro ergue tanta expectación no país. A mesa de oradores que o acompañaban ó poeta era de excepción: A escritora Marilar Aleixandre, o académico Francisco Fernández Rei, o profesor Xosé Luís Axeitos, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e o poeta fisterrán Modesto Fraga na presentación. Entre o público, escritores, mariñeiros e veciños en xeral que non quixeron perder a presentación do libro na patria pequena de Alexandre Nerium. O libro Vogar de couse , que mereceu o ano pasado o premio de poesía Johan Carballeira de Bueu, vén de ser publicado pola prestixiosa editorial coruñesa Espiral Maior. É a primeira obra individual de Alexandre Nerium que ve a luz, seis anos antes participara nun libro colectivo con outros autores da comarca. Neste tempo tampouco faltaron galardóns literarios colleitados por distintos puntos da xeografía galega. Para todos os que tomaron a palabra no acto, a primeira obra de Alexandre Nerium significa unha importante contribución á poesía galega. O profesor da Universidade de Santiago e membro da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, repetiu as palabras escritas no limiar da obra: «É un traballo de ourivería, no que o autor demostra o grandioso dominio do léxico (mariñeiro e non mariñeiro, popular e culto) e dos metros clásicos». Outros, coma o profesor Axeitos e o editor Fernán-Vello, mostraron a súa seguranza de que a obra de Nerium «está chamada a perdurar no tempo». A xornada rematou coa lectura, polo autor, de fragmentos de Vogar de couse . Acompañárono escritores da Costa da Morte e posteriormente cinco mariñeiros de Fisterra. Foron moitos os que non quixeron marchar sen unha dedicatoria asinada polo autor. Versos Á saída o vento amainara en Fisterra, protagonista e metáfora da obra dun poeta que coñece coma poucos os seus misterios milenarios. E velaí as súas palabras que ecoan xa cabo dos bravos penedos desta terra: «A nosa estirpe, vós, homes do mar que vindes/ co peso dos barxáns por capear ó lonxe,/ fartos de atalingar mouréns, de achicar dores./ de volver debagar canta avidez subsiste/ enriba dos cuarteis dos temporais inortes».