MEMORIAS | O |
11 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A COSTA da Morte é dona dun importante patrimonio e posúe unha variada riqueza cultural e natural. A forza do territorio síntese no mar que acouga entre rexas pedras e fermosos montes que estiveron habitados desde tempos prehistóricos. Soamente con botar unha ollada á arquitectura megalítica, ás antas, axiña concluímos que antes da chegada de celtas e romanos, os nosos devanceiros arquitectos prehistóricos erguían magníficas tumbas en pedra, todas elas orientadas ó nacente, ó lugar onde nace o sol. Tres mil anos despois e a uns días do ano 2004 debemos ser quen de orientar o noso desenvolvemento nunha única dirección: mirando ó nacente e buscando a luz que alumea o camiño do futuro. O camiño non é longo nin curto nin ten reviravoltas. O camiño é simplemente a decisión de avanzar, de progresar en xuntanza harmónica coa natureza que nos protexe. O auténtico desenvolvemento económico nace de abaixo, da terra. O desenvolvemento significa crecemento e cambio estructural. O crecemento é o resultado directo da transferencia de recursos das actividades tradicionais ás modernas e tamén da introducción de innovacións. Cando medramos estamos aumentando o benestar da poboación. Se os loitadores habitantes da Costa da Morte son capaces de utilizalo seu potencial para liderar un proceso de cambio estructural serán os protagonistas do que a teoría económica chama desenvolvemento endóxeno e que non é outra cousa máis que a a confianza nas propias forzas. O desenvolvemento endóxeno parte dun sistema sociocultural e caracterízase porque ten unha dimensión territorial. No noso territorio o espacio son os quilómetros cadrados nos que terán efecto os procesos organizativos e tecnolóxicos. O desenvolvemento desde dentro debe ser liderado pola propia comunidade de ámbito local e debe conducir á mellora do nivel de vida da poboación. Neste proceso de renovación debemos ser moi respectuosos coa sociedade para que o cidadán sexa o protagonista. A Costa da Morte pode construír o seu futuro e pode converterse nunha terra de pleno emprego. Para iso necesita decidirse polo esforzo, un esforzo asentado na ética do traballo, algo que coñecen moi ben as nosas esforzadas mulleres e homes. Estratexia Nas portas do ano 2004 temos que comezar a traballar no deseño dunha estratexia propia de desenvolvemento. Aquí é onde daremos un importante paso. A decisión de concertar unha estratexia para o noso territorio é fundamental, quizais máis importante aínda que a posesión de poucos ou moitos recursos. Para min é algo básico que sexa a comunidade local quen controle tódalas transformacións que teñan lugar no territorio. Deste xeito serán os cidadáns da Costa da Morte os que incidirán por medio da súa estratexia na dinámica local. Se os cidadáns non achegan o seu ánimo perderán o temón de seu futuro e serán soamente os suxeitos pasivos das estratexias de grandes empresas alleas.