TRIBUNA ABERTA | O |
04 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.VOSTEDE E máis eu, señor alcalde, temos a sorte de poder vivir na Coruña e ó mesmo tempo ter casa en Ponteceso. Hai, iso si, unha diferencia moi grande: vostede é o alcalde e eu non; vostede ten unha dedicación exclusiva, pagada con cartos dos veciños e eu non; vostede cobra dietas por quilometraxe para os seus desprazamentos e eu non. Non é só isto o que máis me chama a atención. Dóeme que non procure, con todo o tempo disponible, con todo o que gaña, o mellor para o noso concello. No ano 1993, vostede chega á alcaldía co apoio de tres tránsfugas. Hoxe é alcalde con toda a lexitimidade democrática, que os cidadáns exercen, pero está ben lonxe de asumir e valorar toda esa confianza que o pobo depositou na súa persoa. A calquera veciño deste concello cun mínimo de sensibilidade póñenselle os pelos de punta cando vemos o informe da intervención municipal sobre o estado económico das arcas municipais. No 2001 presentamos no Concello e no Parlamento de Galicia mocións denunciando o estado da ponte do Anllóns. Nos presupostos da Xunta para o 2004 non figura partida económica para esta obra. Sen embargo, por vía de urxencia, en outubro do 2003 a Xunta dedicou unha partida para o arreglo da ponte. Non se entende moi ben esta urxencia, despois de case tres anos, para facer o que, ó noso xuízo, é unha chapuza e non valorar a construcción dunha ponte nova. Por certo, non estaría de máis que o señor alcalde informara ó pleno de todo o que afecta a este concello en tódolos ámbitos. Xa sabemos que é unha persoa moi ocupada: é alcalde, deputado provincial, e aínda lle queda tempo para levar a dirección de certas obras. Non parece moi axeitado ter unha dedicación exclusiva ó Concello e dedicarse a outras actividades remuneradas. Por certo, non sei se está enterado de que somos o único concello da comarca con tres concelleiros con dedicación. Non ten moita importancia, señor alcalde, pero algún concelleiro do seu grupo non debería andar a borrar as liñas continuas e pintalas discontinuas para poder maniobrar máis facilmente cos seus vehículos. Sen comentarios.