O xurro

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

18 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

¿PÓDESDE AFIRMAR, sen medo a ser considerado un ignorante, que o xurro non contamina? Evidentemente, a resposta é non. O líquido producido polas cortes do gando utilízase como abono, e unha parte pode ir parar ós ríos ou contaminar as augas subterráneas. A toxicidade está máis que demostrada se temos en conta que morreron varias persoas cando se dispoñían a realizar tarefas de limpeza ou doutro tipo nos pozos negros das súas casas. Causou un gran impacto a morte de catro membros da mesma familia hai uns anos en Coristanco. Estou escribindo sobre o xurrro motivado pola noticia do verquido dunha granxa de porcos ó Rego Maior, feito que produciu malestar entre a poboación afectada ó ter que cambiar a captación de auga para abastecer ós carballeses. Cómpre confesar que o Concello non foi responsable deste acontecer anómalo que nos puxo furiosos a todos os que dependemos da auga do Anllóns nos nosos fogares. Sen esaxerar nada, cheguei a pensar que volveramos á época do neandertal. Recordemos que non hai tanto tempo que a auga de Carballo saía turbia das billas porque cada día rompía unha tubería e tardábase o seu en repoñela. A instalación estaba completamente podrida e non se investía un peso para cambiar aquela situación desesperante. Por iso, cando a principios de novembro nos erguemos pola mañá dispostos a pasar pola ducha, quedamos fríos mirando a cor da auga e incluso, sen dar creto ó que estaba pasando, quedamos de pedra ó percibir un certo cheiro a líquido pestilente. ¿Chegarían a Carballo os restos dos fiaños do chapapote do Prestige? Houbo que lavar a cara e facer a sopa con auga de botella. Moita xente seguramente recordaría a época en que tiña que asearse con auga chea de feluxe que se quentaba nun pote grande na lareira. Con todo esto que escribo, creo firmemente que a contaminación producida polo xurro das vacas é mínima se a comparamos coa das grandes empresas, como é o caso da Unemsa. Esta fábrica presenta contaminación acústica e ambiental denunciada polos habitantes das parroquias limítrofes. Din que non se dorme de noite. Aínda que as cereixeiras florecen fermosas no seu tempo, din que xa non dan cereixas en Rus e Entrecruces. Agora a fábrica é de Coristanco, segundo parece. Traeralles beneficios, pero tamén terán que facerlles fronte ós prexuízos que lles ocasionen ós veciño. Dirección: Gran Vía, 84-1º. 15100 Carballo. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es