Cabodano sen champán

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

12 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

CHEGOU o cabodano do Prestige e hoxe os medios de comunicación e as institucións celebrarán o funeral con solemnidade. Eu non quero desaproveitar a oportunidade de botar unha ollada atrás, aínda que lles aseguro que xa é un tema que me queima á hora de escribir. Quizais é fartura ou quizais as ganas de esquencer un pesadelo que nos tivo contra as cordas. Recordo as primeiras informacións. Un petroleiro ameazaba nas proximidades de Muxía con verquer a carga. Despois recordo chamar á redacción deste xornal en Carballo e que alguén me dixo que estaba todo patas para arriba, os ollos e o corazón xornalístico estaba volcado na Costa da Morte. O seguinte que lembro é falar con outra persoa da edición que me falaba das bágoas dos primeiros afectados que vían como a costa se ía convertendo nunha esterqueira. Logo a polémica, as imaxes estarrecedoras dos homes e mulleres que vían o seu futuro nas mans da providencia. As crónicas de Eduardo Eiroa, en primeira liña de combate, relatando un periplo que xa é historia deste principio de milenio. E aló vai un ano, á velocidade das nosas vidas, todo cambia para que todo siga igual, poderíase pensar nunha arroutada de determinismo pesimista. Despois aquela marea branca que encolleu ós corazón, a lección de homes e de mulleres como seres solidarios. Un ano despois creo con firmeza no Home con maiúsculas. Porque o futuro das sociedades está na intrahistoria, nos que a sofren e a padecen. O resto é papel hixiénico e medallas enferruxadas. Cada un ten que escoller de que lado está, como nas películas de indios e de vaqueiros. Perdoen a digresión, estamos de aniversario, non hai champán, e eu vivo coa tribo...