O San Martiño e a matanza

GABRIEL PÉREZ SUÁREZ

CARBALLO

TERRA E XENTE | O |

06 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

AGORA QUE estamos no tempo do San Martiño, ocasión na que lles chega ós porcos caseiros a hora fatídica, vén á miña mente a época da nenez, cando os rapaces coreabamos: «No San Martiño, trompos ó camiño». Hoxe os nenos trocaron o humilde xogo da buxaina polo ¿educativo? comecocos , pero a mata dos cochos, anque máis sofisticada, segue dentro da familia rural galega, coa mesma tradición. O porco, pese á prohibición reflectida no Levítico , continúa tendo unha gran aceptación na cociña doméstica galega. Non ocorre así, e dígoo con nostalxia, en moitos restaurantes indíxenas que pensan que perden prestixio ó ter na súa carta os sabedores pratos que se poden cociñar coa carne dos nosos marranos. Dá envexa cando un visita as comunidades vasca, asturiana, valenciana e outras, comprobar cómo na maioría dos restaurantes desas autonomías o primeiro que lle ofrecen ó cliente é o prato típico da terra. O bacalao, a fabada e a paella nunca faltan no menú dos seus establecementos. Lamento ter que dicir que na hostelería galega as cousas discorren doutro xeito. Confeso que nunca me oporei á chamada nova cociña. É máis, facéndolle caso á sibilina publicidade, por aquelo do colesterol, ata sería ben comer de cando en vez un prato de cogumelos, un revolto de allos ou un salpicón de langosta sintética . Pero isto, aínda que nos pese, non debe ser óbice para que na carta dos hosteleiros da rexión siga olvidado un dos pratos máis suculentos e apetitoso da nosa terra: o cocido galego. O que suscribe, sabedor das moitas maneiras que hai para facer menús coas distintas partes do cocho, e para non menospreciar a ningunha delas, pois todas son, dende o rabo ata o fuciño marabillosas, suxírelle ós donos dos restaurantes de Carballo, instaurar a Festa do Porco. Estamos seguros de que ese día venderán moitas comidas feitas coa carne deste mamífero fozón, e ó mesmo tempo servirá de homenaxe a un dos animais que máis fame lle quitou a todo o mundo cristián.