RADIOGRAFÍAS | O |
04 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.TOCOUME CUBRIR un curioso caso acontecido a pasada fin de semana en Ordes. Unha parella que estaba de copas nun local quedou pechada no mesmo despois de ir buscar refuxio ós lavabos. Imaxinen a escena: os pobres rapaces alí esperando a que chegara o dono coas chaves, mentres na porta agardaba a policía local e algúns curiosos. Eu dende esta columna quero romper unha lanza en favor da ardente escena porque, ó fin e ó cabo, o amor e o frenesí tamén se pode dar nos sitios máis insospeitados e non somos quen de xulgar o que cada un libremente, e sen meterse con ninguén, fai. Se as corredoiras, os muíños, os asentos abatibles, mesmo os edificios institucionais, falaran de seguro que serían milleiros os momentos de paixón vividos co corazón nun puño. Despois de que este xornal sacara o artigo, a TVG apareceu polo lugar para facer unha reportaxe. A xente á que entrevistaban facía bromas sobre a situación vivida. Unha muller duns sesenta anos espetoulle á reporteira: «Nos nosos tempos eso non se facía. Ti non ves que aínda non había baños», despois mandou un sorriso pícaro. A min chamáronme por teléfono algúns curiosos que querían saber datos sobre a parella. Claro que lles expliquei que os nomes dos fogosos non os sabía, porque creo que iso, ademais de pouco ético, sería totalmente superfluo na noticia. Póñanse no sitio da parella, en pleno mes de novembro e coa xeada nos montes: andar polas corredoiras nesas condicións é inhumano. Por todo isto, creo que está máis que xustificado o escenario. Eso si, teñan coidado todos e todas a ver se nos vai pasar igual. Verifiquen primeiro os horarios de peche do local.