Un privilexio arrebatado

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

21 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SEN QUITARLLES interese ás outras, unha das xornadas máis atractivas para os asistentes ó Simposio Pondaliano que se está a celebrar en Ponteceso, foi a excursión que nos ocupou un día enteiro, un día cheo de sorpresas agradables, todo dito sen pedantería nin presunción. Utilizando unha expresión típica da lingua galega, debo confesar que o verdadeiro autor deste artigo vén sendo (como xa o foi o ano pasado) Francisco Fernández Naval, un guía ameno e documentado que nos levou da man por terras de Carnota para ensinarnos cousas que non viramos nin valoraramos antes. Por eso o que eu fago é limitarme a expresar por escrito o que el nos contou con gracia, dilixencia e moita sabedoría. Volvemos a imaxinar, mediante unha ilusión óptica, a beleza da desaparecida fervenza do Ézaro (Dumbría). Gracias ó testemuño de Francisco, quedamos preocupados pola situación do monte Pindo, pois parece ser que as motos están estragando unha boa parte do patrimonio natural. Placa de inauguración Comprobamos que alguén, quizá con razón, arrincou a placa de inauguración da fervenza dominical (chamámoslle así porque xa saben que só funciona durante unha hora á semana, e gracias), como se fose moita cousa, como se nos concedesen un privilexio que xa antes nos arrebataron. A panorámica é catastrófica: os cables e as tuberías arrasan a ladeira e os muíños de vento roxen no alto. Todo artificial, nada natural. Destrúese a vista dos nosos ollos. Prodúcense danos irreparables polos séculos dos séculos. Aínda que as autoridades elixiron Muxía como base de operacións, algunhas das praias de Carnota foron as máis castigadas polo Prestige . A imaxe daquel soldado enterrado no chapapote ata os xeonllos que deu a volta ó mundo en poucos días, corresponde á praia do Ximprón (non sei se se escribe así), na que se construíron pistas de asfalto para pasar as máquinas onde antes había unha paraxe natural e salvaxe. A visita ó Porto de Quilmas, paraíso natural, foi unha marabilla, un agasallo para os sentidos. Desentonan neste lugar uns galpóns que querían converterse en chalés arrimados, pero por fortuna paráronse as obras gracias á denuncia dunha entidade ecolóxica. Con todo, o estraño é que aínda non fosen derrubados como manda a lei, a lóxica e a sensatez. Esperemos que se respecte o contorno no futuro. Como final de traxecto, avistamos a planta de producción de rodaballo, que criticamos polo impacto estético que ten na costa.