RADIOGRAFÍAS | O |
15 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.FALEI MÁIS veces aquí dun veciño de Sofán que coñecín hai algo máis de dous anos no País Vasc, atopámonos aló nunha festa anual que organizan os centros galegos en Euskadi. Este carballés leva xa varias décadas por aquelas terras aínda que a morriña faga que pase a miúdo estancias no seu Bergantiños natal. Aquel día demos boa conta dunhas racións de polbo á feira no restaurante da Casa de Galicia desa localidade. Empezou a contar ducias de historias con esa torrencialidade verbal que o caracteriza. A emigración servíralle para coñecer de primeira man a nosa literatura, a nosa historia e a amar como poucos a cultura que deixara atrás. Moita xente insigne coma Ferrín, Manuel María, Neira Vilas ou Bernardino Graña coñecen ben a paixón deste bergantiñán e o seu traballo arreo na Casa de Galicia de Bilbao. Máis eu cada vez que me atopo con el gozo sobre todo das numerosas anécdotas que conta axudado por unha boa memoria. Hai unha que xa lle escoitei en varias ocasións e que me resulta moi divertida. Resulta que nunha parroquia da nosa comarca había, hai xa ben anos, dous amigos que mercaban cadanseu xornal e a pesar da amizade rivalizaban fortemente nas súas ideas políticas. Cando se atopaban por aí teorizaban sobre o que acontecía no mundo, cada un coa súa postura. Unha vez discutindo da situación que estaba atravesando por aqueles anos a república francesa, un dos dous díxolle ó outro, «mira se estes franceses che son democráticos que ata teñen dous presidentes». O amigo díxolle que eso era imposible pero o outro testudou, «si, home, si, que na radio escoitei que o presidente é Dejol e no periódico falan doutro que se chama Dejaulle» .