ANDÉN LITERARIO | O |
09 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CONFESO QUE sempre sentín unha inmensa admiración polos autores que, alén da súa natural disposición anímica e capacidade creativa, son quen de traballar nos terreos acaso menos agradecidos do universo literario, como a investigación ou o ensaio. Nestes horizontes é onde mellor se desenvolve o escritor Xan Fernández Carrera (A Ponte do Porto, 1951), coñecido polo público lector fundamentalmente a partires da publicación de Costa da Morte. Guía turística-cultural (1998) e, xa máis tarde, polo libro tributo ó fotógrafo muxián Ramón Camaño. Nesta ocasión, Xan Fernández elabora un roteiro ( Lugares con encanto da Costa da Morte ) moi suxerente e abondo práctico que permite ó lector situarse diante da vila que busque sen demasiada dificultade. Non hai máis que abrir o libro e, logo dun brevísimo limiar, a introducción xeográfica e histórica dá ben as claras da magnitude da obra que nos ocupa. Hai moita dedicación, moitos pasos andados por outeiros, penedíos, coídos e rochedos desta bisbarra. A medida que un se adentra nas súas páxinas atópase con imaxes que se cadra nunca víu pero que soñou en incontables ocasións. O maior acerto desta entrega bibliográfica é a mestura voluntaria que realiza de aportación práctica e investigadora con fragmentos literario de autores da propia Costa da Morte. Xan Fernández non dubida en comezar o volume cun impoñente poema do inesquecible bardo, Eduardo Pondal. Roteiros explicados cunha claridade absoluta, limpa ó mínimo detalle, imaxes de naufraxios acaecidos ó longo da nosa historia pasada e recente, paisaxes irrepetibles que se repiten a cada día, monumentos históricos que acompañan os anos de cada un de nós, festas e tradicións de índole cultural, gastronómico ou relixioso, instantáneas que evocan tempos pasados, pero presentes na memoria e no corazón, a emigración, a guerra, o Prestig e, todo nun feixe de páxinas que abrangue toda unha comarca. Parabéns para Xan Fernández por este novo facho de luz. Dirección: Gran Vía, 84-1º. 15100 Carballo. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es