Politikos

ANA VIZA

CARBALLO

O VENTO DA NOITE | O |

04 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Andan algúns políticos extranamente preocupados pola mala formación que o sistema educativo lle da aos nosos fillos, preocupados porque algúns alumnos crean que Santa Tecla é a patrona dos músicos, o «Asno de Rotterdam» un personaxe histórico ou pola «Reforma de Platero», que sumiu á vella Europa nun profundo cisma relixioso (esa mesma Europa á que lle queren facer unha Constitución que reflicta a esencia critiá sen decatarse de que o berce da civilización europea foi a Antiga Grecia e, por desgracia para algúns, aqueles que razoaban na «ágora» sabían pouco de Deus e moito de deuses). Un daqueles gregos que puxo os cimentos da nosa Europa definiu ó ser humano como «zoon polytikon», que non quere dicir mais que animal de polis ou animal social; e a clases de Ciencias Sociais habería que mandar a un deses políticos que a mediados de mes en Coristanco, na Festa da Pataca, entre caldeiros de auga e tractores engalanados, se dirixiu aos veciños e visitantes que despedían o verán, e que amosaban caras morenas e calcaños enchapapoteados, para lembrar emotivamente «aos emigrantes que se atopan en Europa, América e Suíza». ¡Se Aristóteles erguera a cabeza!