Para saír a flote

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

29 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON ESCRIBO sobre o Prestige dende hai tempo porque considerei que estaba todo dito e os que teñen algo que dicir non son precisamente os que máis falan. Pero onte aconteceume un caso que me parece significativo. Un coche detívose na miña aldea e del baixouse un madrileño preguntando por onde se ía para Muxía. O tipo viña de Ordes e eu indiqueille como chegar ata Carballo. Aconselleille que alí volvera preguntar. O paisano tiña nos ollos unha expresión de contrariedade. Contoume que saíndo da Coruña se equivocara, chegou ata Ordes e despois colleu a estrada de Carballo. O pobre estaba alucinado co estado da calzada: «¡Dios mío! ¿son así todas las carreteras?». O señor poñía cara de estar atravesando Etiopía ou Tanzania nun interminable safari turístico. Do anterior parágrafo deduzo que meses despois do Prestige e en plena aplicación do Plan Marshall, perdón Plan Galicia, as cousas están practicamente no mesmo punto de partida. Pensei que para a Costa da Morte quedaran dúas cousas claras: a posta en marcha de todos os medios para unha recuperación ecolóxica e a necesidade imperiosa dun plan inminente de reactivación económica da zona costeira galega máis deprimida. Pensaba, en pretérito. Pensaba porque entre A Laracha e Fisterra hai tres comarcas e once municipios que teñen saída ó mar e algo terán que dicir para que as Administracións tomen os asuntos coa celeridade precisa e sen chanzas. Espero que non vaia ninguén á Xunta para incluír no Plan Galicia o asfaltado dunhas eiras no seu dominio. A amplitude de miras e a unión son as mellores chaves para saírmos a flote. O contrario é seguir coma o barco, na máis escura das profundidades.