RADIOGRAFÍAS | O |
09 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UN INFORME do Plan Equal revela que o analfabetismo feminino en Coristanco é seis puntos superior á media do resto de Galicia. Imaxino que se o estudio se fai en calquera outro concello de Bergantiños, Soneira ou Fisterra os datos non habían de ser moito máis alentadores. A experiencia vital dunha moza de vinte e pico anos e unha señora de máis de sesenta é radicalmente distinta. Son moitos centos de nais e avoas que hai pola zona que ou non saben ler e escribir ou fano con moita dificultade. Viviron un tempo de labazas, nunha época na que de abondo se facía con saír para adiante a base de traballar arreo. Entre aquelas rapazas que noutrora acudían uns meses ó «mestre do ferrado» e as súas fillas e netas media un abismo. Máis dunha vez teño escoitado esa frase terrible de «quen me dera nacer corenta anos máis tarde». Pero a vida non entende nin de desexos nin de voltas atrás. Venme agora á mente Aurora. Ten sesenta e nove anos, unha pensión mínima e ducias de miles de horas cotizadas a base de destripar terróns. Claro que non estaban alí os funcionarios para tomar nota delas. Le con moito traballo e dálle moita vergoña cada vez que ten que asinar algún papel «isto parece un gharabato, señor». O pouco que sabe de letras e números aprendeullo un irmán que foi dous anos á escola. Nalgúns concellos as aulas de alfabetización teñen un éxito notable. Oxalá a comarca se encha de Auroras asistindo a este tipo de cursos e que as institucións locais se impliquen decididamente no fomento da formación para os maiores. Temos un potencial humano que descoñecemos e en certo modo marxinamos. As débedas, incluso as históricas, máis val pagalas tarde ca nunca.