RADIOGRAFÍAS | O |
08 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AS OBRAS na estrada Carballo-Ordes van a bo ritmo. Recordo que a primeira columna que escribín nesta edición, aló pola primavera do ano pasado, falaba precisamente do vergoñento firme e trazado, impropio dunha vía que une dúas cabezas de comarca. Hai uns meses, debeu ser na precampaña, o mandamáis da Cotop, Núñez Feijoo, prometeu en Ordes que a estrada estaría lista no 2005. Botei contas e é precisamente o ano das eleccións autonómicas. A política é un xogo de coincidencias. Pode ser que o conselleiro de Obras Públicas veña inaugurar o tramo á vez que é proclamado candidato para suceder a Fraga. Consultareino co Marelo que é o veciño da parroquia que mellor coñece o labirinto de San Caetano. Non se lle escapa ningunha intriga, o raio do can ten unha amizade secreta cunha cadela dun influinte deputado. ¡Que pequeno é o mundo! Pois alégrome de que sigan adiante os arranxos. Estou seguro de que co cambio de trazado aumentará notablemente o tránsito de coches e dinamizará un pouquerrechiño algunhas das localidades polas que pasa: recta de Sofán, Tarambollo, A Silva, A Tablilla ou O Campo Xesteda, condenadas a vivir durante décadas cunha corredoira. A ver se a Xunta e a Deputación se seguen acordando de nós. Os altos funcionarios poden pasar, sen ir máis lonxe, polo municipio de Tordoia que tamén leva agardando anos a que as estradas A Tablilla-Santiago e A Silva-Santa Comba, sexan un feito. ¿Acaso parroquias como Bardáns, Cabaleiros, Castenda, Andoio ou Anxeriz non saen no mapa? A ver se o Marelo fala coa súa amiga e busca algunha recomendación para amañar estas estradas. ¡Ata para esto se necesitan voltios! ¡Que país!