A pensión de María

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

18 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINGO publicaba La Voz unha reportaxe sobre os pensionistas galegos. Segundo un informe sindical, un de cada catro maiores subsisten con ingresos que os sitúan por debaixo da raia da pobreza. Outro dato que se aporta no estudio é que a pensión media galega é cen euros inferior á estatal. Hai xa ben meses comentaba que os nosos vellos son auténticos malabaristas que conseguen chegar a fin de mes cunha pensión moitas veces irrisoria. Penso na señora María. Quizais viva en Zas, en Dumbría ou mesmo en Aldemunde. Ten oitenta anos e cobra cada primeiro de mes 410 euros. Está contenta coa súa paguiña. Non estudiou Administración de Empresas na universidade, nin ten ningún máster en economía doméstica, pero é capaz de conseguir a fin de mes iso que os políticos tanto badúan: o déficit cero. Coas pagas dobres vai facendo o seu pequeno fondo de imprevistos: o bolo do afillado, os reis dos netos e os vinte euros para axudarlle ós rapaces que levan a comisión de festas na parroquia. A señora María nota que cando máis se acordan dela é nas eleccións. Cada certo tempo chéganlle cartas para pedirlle moi educadamente o voto. Gústalle mirar as fotos dos que queren ser alcaldes ou presidentes, e aínda máis que se acorden tan requintadamente dela: «Muy estimada amiga...». Nesas épocas chegan moitos sobres, o carteiro que é un mozo moi falangueiro dille: «señora María, tráiolle unha comenencia». O resto do ano algún recibo da contribución, do banco, da luz ou do teléfono. No ministerio deberían tomar nota e pedir asesoramento ós milleiros de vellos que viven con menos de catorce euros ó día. Non sei se estamos máis preto dun milagre ou da miseria...