O CARTAFOL | O |
06 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NON ESTARÍA de máis que alguén elaborase unha especie de manual de educación, de bos modais, boas maneiras e bos costumes que fose de lectura obrigatoria para todos os cidadáns. O libro debería dar resposta a moitas preguntas que lles veñen á cabeza ás persoas educadas que se desesperan cando observan a actitude anómala de determinados individuos que se mostran irrespectuosos co contorno. Estes individuos quizá deberían asistir ademais a un curso de comportamento cívico. ¿Por que hai xente que baleira o cinceiro do coche na rúa mentres espera nun semáforo ou nun aparcamento? ¿Por que hai conductores que fuman co brazo estendido fóra da ventá por non manchar o cinceiro do coche conducindo ademais só cunha man arriscándose a ter un accidente? ¿Por que se lanzan á estrada desde a ventá do coche papeis de diverso tipo? ¿Por que nos bares os clientes tiran os cigarros acesos no chan se teñen o cinceiro pegado ó cóbado no mostrador? ¿Por que se mexa arrimados ás paredes que despois quedan verdosas e cheirentas? Hai que aplaudir o feito de que se instalase un urinario na esplanada de Razo para facer as necesidades con dignidade sen ter que botar man do rego que desemboca no mar, da auga onde nos bañamos todos ou do muro máis cercano. ¿Seguimos con máis preguntas? ¿Por que se tiran os condóns no váter en vez de deixalos no caldeiro do lixo? ¿Por que non se utilizan as papeleiras para depositar os paquetes de tabaco baldeiros? ¿Por que se tiran os panos de papel nas gabias ou nas silveiras despois de limpar os mocos? ¿Por que se tiran con disimulo os papeis dos caramelos e dos chicles mentres se pasea tranquilamente polas beirarrúas en vez de gardalos para despois envolvelos co fin de non depositalos directamente nas papeleiras para que non se peguen? ¿Por que seguimos esgarrando onde sexa, mesmo diante dos zapatos dos transeúntes? ¿Realmente somos tan porcos como parece? Todo isto que acabo de enumerar compróbase calquera día percorrendo as rúas, as corredoiras, os establecementos e incluso algúns edificios públicos de Carballo ou doutro lugar calquera sen ir moi lonxe. Dirección: Gran Vía, 84-1º. 15100 Carballo. Correo-e: redac.carballo@lavoz.es