TERRA E XENTE | O |
06 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.METIDOS XA na primeira semana de agosto, temos festas a eito. O martes foi o día de Nosa Señora das Neves. Hai imaxes desta advocación en Erbecedo e en Artes. Trátase dunha devoción romana que se estendeu polo mundo da liturxia oficial. Aquela basílica maior que hai en Roma, coñecida como de Santa María, ten relación con esta devoción. Toda Roma está chea de fermosas lendas: rúas, fontes, palacios... Pois ben. Contan que no fenagosto romano (cando vai máis calor), apareceu no monte próximo unha nevarada, pero con tal particularidade que a neve sinalaba o plano dunha futura igrexa que alí había que levantar. Deixamos outras miudanzas desta lenda. O caso é que Nosa Señora das Neves vén sendo invocada en caso de fenómenos meteorolóxicos adversos, coma por exemplo, en tempo de seca, para que volva a chover. Tamén o sol radiante de agosto en Roma, pon no calendario litúrxico a festa de San Salvador, que é o titular de dúas parroquias tan famosas como son Sofán e Erbecedo. A igrexa de Sofán estaba na Agra da Torre, en Guntián, e a mediados do século XVIII foi trasladada ó sitio actual. A fachada é do XIX. No seu retablo maior aparece a escena da transfiguración. Esta obra artística foi estudiada con recoñecida competencia pola experta en arte relixiosa Desirèe Domínguez Pallas, natural de Sísamo, quen, ademais, ten outros estudios sobre a arte nas igrexas do concello de Carballo. Publicado está xa, o de Vilela. A igrexa de Erbecedo estaba na Erbedeira, paraxe onde hoxe está a capela dos Milagres. No século XIX, a parroquial foi trasladada ó actual emprazamento, na aldea de Silván. En terreo que cedeu a Obra Pía do Santo Ánxo. Agora está máis situada no centro da veciñanza, pero alonxada do centro xeográfico. A imaxe do patrón é unha talla de mediano altor, que ten o globo terráqueo na man. Moi valiosa, do século XVIII, que pode estragarse de tanto subila e baixala para a procesión. E xa que falamos de dúas senlleiras parroquias bergantiñás, lembremos, por Sofán, a don Antonio Carracedo Viña, moitos anos alí párroco, quen fundou unha preceptoría para aspirantes ó sacerdocio. Outro clérigo moi sobresaínte foi, por Erbecedo, don Paulo Ánxel Aldao Breixo, fundador, con tódolos seus bens, dunha Obra Pía para ensinar a ler e escribir ós nenos de Silván. A súa obra e beneficios conseguintes aínda hoxe seguen favorecendo a Erbecedo.