O valor de cada cousa

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

É MARTES e hai bastante xente na praia das Salseiras de Caión, a maioría proceden da zona aínda que tamén se pode escoitar algún que outro acento madrileño. Moita mocidade, surfeiros e rapazas de anuncio sulcan as ondas ou toman o sol. ¡Que fácil debe ser namorarse no verán¡ Alleos aos avatares dos bañistas, nas leiras próximas algúns veciños traballan mentres miran sorprendidos a xente que descansa no chiringuito e aos que intentan aparcar polos camiños próximos. Un matrimonio que debe andar á beira da xubilación pasa cunha carreta chea de cebolas. Os dous levan sombreiros para protexerse do sol que quenta coma nunca nesta época do ano. Poñen cara de non comprender moi ben esa obsesión por torrarse na area horas e horas, ¡co ben que se está á sombra! O outro día estando en Razo observei un contraste parecido. Fixeime nunha señora duns setenta anos con dous rapaces que imaxinei seus netos. Os nenos brincaban dun lado para o outro falando francés e a señora estaba sentada vestida de negro con sombreiro e mandil. Deulles un bocata a cada un e logo marcharon todos contentos. A vella ía feliz porteando as pequenas táboas de surf dos pícaros. ¿Quen sabe canto tempo leva a muller agardando a chegada do verán? Coa calor véñenlle os netos dende Suíza ou Francia e ela non pode evitar unha ledicia que a fai máis nova ao oír o troulear dos nenos. Seguramente, para eles o estaren unha tarde coa avoa val máis ca un milleiro de horas en internet. Asegúrolles que a estampa demostra o valor real de cada cousa. Non todo se merca en grandes hipermercados, o agarimo, polo de agora, non se compra por quilogramos nin en cómodos prazos.