A recollida do lixo

XOÁN POSE VIÑA

CARBALLO

O CARTAFOL | O |

23 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESCRIBO ESTE artigo seguindo as instruccións e as queixas dun veciño de Carballo que prefire permanecer no anonimato. Chamarémoslle Antón. Algo teño escrito eu xa sobre a recollida do lixo na vila de Carballo, pero nunca me percatara de certas manobras irregulares que agora se fan evidentes. Antón, que ten un cuarto con vistas preciosas ós contedores do lixo, observa a cotío cunha boa dose de curiosidade e mesmo de morbo como traballan os empregados do servicio de recollida mentres os demais descansamos lendo ou vendo a televisión sentados no sofá. Merecen o recoñecemento de todos, pero hai que puntualizar algúns aspectos. Segundo Antón, os que recollen a materia orgánica non se preocupan de apañar os restos que quedan esparexidos pola rúa, colocan os contedores de mala maneira deixándoos atravesados e en moitas ocasións quedan abertos para que se aireen, pero así o cheiro e as moscas chegan ata as casas e non é nada agradable. Por iso Antón di que deberían ser máis delicados e coidadosos. O que si é certo é que tódolos cidadáns nos queixamos por comprobar que os contedores non se lavan periodicamente. Contedores amarelos Seguindo co relato de Antón, dime que observa ós que recollen o lixo dos contedores amarelos que teñen a boca pequena e que cando se enchen a xente deixa as bolsas enriba. Pois ben, Antón, un veciño desilusionado e escéptico, cóntame que os encargados dese labor retiran as bolsas que non caben dentro e deposítanas no contedor da materia orgánica por non molestarse en cargalos a man no camión. Ante este feito, este cidadán fai algunhas preguntas que quizá non teñan resposta. ¿Queren que separemos o lixo? ¿Ou é que tanto ten porque non hai capacidade suficiente para reciclar todo o que se recolle? Evidentemente, Antón tamén se mostra crítico cos cidadáns, pois ve como moitos deixan as caixas de cartón no medio da rúa ou nas beirarrúas por non realizar o esforzo de aplastalos cos pés para metelos dentro do contedor correspondente. ¿Que facer ante este panorama? ¿Non somos conscientes de que todo este proceso de reciclaxe é beneficioso para o planeta? Non sei se todo o que me contou Antón é totalmente verídico, anque confío na palabra dun veciño comprometido cos valores cívicos. Así que suscribo o que me contou porque algo parecido teño observado eu algún día asomado á ventá quizá tamén por curiosidade morbosa.