A palabra na boca

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

23 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

XA ME preparo para deixar Bueu e volver á montaña. Onte mesmo puiden ver cómo o pobo vivía o seu máximo apoxeo a primeiras horas da mañá, cando a xente enche as rúas e acode ó mercado municipal para comprar o peixe. Aquí está un dos portos máis importantes do sur de Galicia. Chama a atención os turistas que hai. O arquetipo do visitante ronda a cincuentena e é de Madrid, aínda que tampouco faltan alemáns ou ingleses torrándose ó sol ata botar fume polo pelexo e bebendo caldeiros de cervexa. Mentres xantaba tiña na mesa do lado a dous matrimonios de madrileños que gababan a beleza da zona. Escoitando a conversa puiden saber que á media mañá navegaran pola ría de Pontevedra nunha dorna e a tarde pensábana dedicar a ver Cangas e Moaña. Non puiden evitar botarlle unha ollada luxuriosa ó arroz con bogavante que estaban comendo. O noso xantar, máis frugal, consistía nunha tortilla, uns xurelos e pementos de Padrón. Falaban sen parar, sobretodo as dúas mulleres. Unha delas dixo que quería coñecer a Costa da Morte. A outra opinaba que aínda debía de haber moito chapapote nas praias. Viñéronme ganas de interrompelas, explicarlles que a nosa zona ben merece quince días para percorrela dende Fisterra ata Caión. Mentres eu meditaba se intervir ou non, a máis espelida argumentou que no norte sempre están os ceos grises. Calei. Quizais non era a miña guerra. Recoñezo que me quedaron ganas de restregarlles o que é unha caída do sol fronte as Sisargas, ver o océano baterse nas pedras da Barca en Muxía ou simplemente perderse por calquera camiño. Seguramente teñamos un déficit grande de promoción do noso e quen sabe se ata de autoestima.