TRIBUNA ABERTA | O |
19 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.EN RESPOSTA á resentida carta, redactada con odio e maldade, firmada polo grupo municipal do PP en Carballo, teño que dicir o seguinte: No 11 de outubro do ano 2002 escribín unha carta de protesta contra a política cultural do goberno anterior pola non invitación ás inauguracións dos feitos culturais máis representativos: o Museo de Bergantiños e o Pazo da Cultura. Nesa situación sentinme discriminado como persoa de Carballo que leva traballando na cultura dende e durante corenta anos. Esas afirmacións non son froito da nova situación política do Concello, senón que foron expostas anteriormente, xustamente ós poucos días da inauguración do Pazo da Cultura. Estes feitos desminten a afirmación de que fun invitado ó Museo de Bergantiños, o cal é absolutamente mentira, por parte de Varela. Respecto a ter unha rúa dedicada en Carballo, hai que lembrar que foi por unha iniciativa da oficina técnica municipal con Sánchez Vilas como alcalde. En relación ó tema da exposición, hai que dicir que o BNG reiteradamente defendeu a proposta dunha exposición retrospectiva para inaugurar o Museo de Bergantiños, e que se ben foi acordada por maioría en dúas ocasións, foi incumprida. Colaboración Despois de doce anos de mandato, a alcaldía do señor Varela mercou e colaborou coa edición dun libro escrito por min, con fondos de todos os que contribuímos como cidadáns de Carballo. Esta digamos que é a colaboración, que eu agradezo, do goberno anterior, insistindo que despois de doce anos de mandato. Alúdese á miña facilidade para buscar discordias. Contra iso direi que me considero unha persoa responsable e libre para manifestarme, e que ningún partido pode privarme dese dereito democrático. En canto á utilización de insultos e descalificacións, inmodestia, fatuidade, etc... déixoo nas bocas dos que suscriben dita carta. Tamén desde aquí agradecer á Xunta de Galicia o trato e distinción de ofrecerme os seus espacios e medios de difusión da miña obra. Con esta carta dou por rematada toda a polémica.