Elevar a media

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

14 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O OUTRO día escribía columna titulada Beckham e Amelia . Comparaba a situación do xogador coa dunha moza, nai solteira, que cobra seiscentos euros ó mes traballando seis días á semana. Contáballes que Amelia estaba moi contenta, devecía por un traballo e facíanlle boa falla os cartos. Non se queixa de que o seu horario supere as dez horas, seis días á semana, nin que o mostrenco que ten por xefe se esquenza das pagas extras. Sabe que unha patada no cú pode deixala na rúa, camiño da deprimente oficina do Inem. Situacións coma as de Amelia repítense en moitos fogares. O de conseguir un traballo onde se respecten as condicións do convenio é unha lotaría. Por eso doe o alonxados que poden estar da realidade algúns políticos. O alcalde dun pequeno municipio da bisbarra puxo unha dedicación exclusiva de corenta e oito mil euros anuais brutos por seis horas de traballo. Se chega a facer as oito horas, por unha sinxela regra de tres, acabaría cobrando 64.000 euros ó ano. Se ten saúde e amor, como di a canción, pode dar gracias ao Altísimo. Dignidade Defendín, non hai moito tempo, dende estas liñas que os municipios teñan cargos políticos que se dediquen en corpo e alma á cousa pública e que se lles pague dignamente por eso. Pero visto o visto é necesario que se establezan uns baremos nos que se teñan en conta para os soldos o orzamento ou os habitantes do municipio que se goberna. Aínda que estou pensando que a razón de que os políticos inflen as súas nóminas pode ter un motivo altruista. Conscientes de que somos unha das últimas comunidades do Estado en renda per cápita, queren ver se axudan a elevar a media. ¡Estache boa a navalla!