RADIOGRAFÍAS | O |
11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.PENSO EN Amelia. Traballa de empregada nun bar e a penas crucei con ela máis que dez ou doce frases. De cando en vez, sírveme un café con leite e dáme os bos días cun sorriso que inventa antes de dirixirse á cafeteira. Do outro lado do mostrador bérranlle pedindo as consumicións. Acobadados na barra, os clientes falan da fichaxe de Beckham, vestidos de praia, chanclas, bañador e tripa cervexeira. Os cartos que ingresa o inglés en concepto de imaxe provoca reaccións dispares entre os contertulios, para uns é un insulto, para outros o dianteiro ben merece os cartos que lle dan, «é unha figura mundial e eso dálle máis categoría ó equipo». Amelia, allea ós comentarios do balón, tráeme o café e dime que está un día marabilloso de praia. Non fala nada máis e colle un pano co que se pon a limpar nas mesas. Acabo o café e deixo o importe exacto enriba da barra. No bar non se poñen de acordo co do xogador e hai quen non se priva de facer uns comentarios nos que o dianteiro sae bastante mal parado. Outro fala de que igual se lía coa Nuria Bermúdez. Cando marcho, o local semella a mesa de Crónica marcianas . Ringleiras no Inem De Amelia, alguén me dixo que é nai solteira e que cobra seiscentos euros por traballar seis días á semana. Está contenta. Durante dous anos acostumouse ás ringleiras do Inem, ás entrevistas sen resultado e a chamar ás ofertas que aparecen no xornal. A súa vida está a anos luz da das estrelas televisivas que gañan nun día, sen despeitearse, o que ela súa durante todo un ano. Pero se lles digo a verdade, o agarimo que demostra cada vez que pon un café, a pesar das olleiras coma covas, vale mil veces máis que un partido de fútbol.