RADIOGRAFÍAS | O |
28 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Había quen aseguraba que os efectos do Prestige non eran para tanto. Acusaban de «alarmistas» ós que denunciaban que a resaca do barco ía durar moito tempo. «Todo está normalizado», proclamaron por medio de bandos os burócratas afeitos a ver o mar no salvapantallas do ordenador. O caso é que a reserva hoteleira caeu un corenta por cento na Costa da Morte. Quen prognosticaba un aluvión de turistas ávidos de fotografarse na chamada zona cero, estará escondendo a cabeza. Os que venderon a farsa de que o Prestige foi unha lotería para as nosas comarcas: subvencións, infraestructuras e visitas institucionais, poden comprobar diante dos seus fociños que isto é como as trompadas: non doen en quente pero despois...agárrate ó pixiglás. Mirar para outro lado é mentirse a un mesmo: «Non son alcohólico», di un que bebe ó día tres litros de viño; «non estou enganchado» asegura un rapaz que ten o peto e os soños cheos de papel de aluminio; «a costa está normalizada» di un alto funcionario que enche as catiúscas de fuel en cadansúa visita. Sexamos serios: aínda hai un petroleiro durmindo a mona a unhas millas. Entendo que pasaron as eleccións e agora que cada can lamba o seu punteiro. Estamos no tempo de substituír axudas a mariñeiros por dedicacións exclusivas. «¡Todos a pescar, coño y déjense de milongas!». Ademais xa se sabe que nas evolucións das doenzas é moi importante crer que todo vai sobre rodas. O optimismo axuda nos contratempos. En vez de tanta subvención que nos manden a un hipnotizador para convencernos de que: «Sientes una profunda paz interior y a tu alrededor todo está tranquilo y en calma». O caso é que funcione.