RADIOGRAFÍAS | O |
17 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O LUNS foi o santo Hadrián nas parroquia ceense de Toba e na carballesa de Sofán. Eu, persoalmente só coñezo de primeira man a celebración nesta última, de feito teño ido a ela dende cativo. Por toda a comarca de Bergantiños e por boa parte dos municipios de Tordoia e Cerceda hai unha devoción vella por este santo famoso pola cura de verrugas. Non hai moito escoitei nun bar os relatos de parroquianos que aseguraban que o santo Hadrián de Sofán fixera este ou outro milagre. Escoitar os sucesos da boca de xente á que lle teño lei fíxome acordar que eu non tiven a mesma sorte co santo. Cando era neno ofrecéronme para ver se marchaba unha verruga impertinente que me saíra no dedo índice. Daquela, no mundo misterioso da infancia, ollaba o ceo nas noites do verán e contaba as estrelas, a pesar das advertencias que advertían que esta práctica era a orixe de que ós rapaces nos saíran as espunllas. O caso é que, sen moita convicción, un ano fomos a miña verruga e máis eu á Piña de Sofán agardar a milagre. Paseino de medo: mercáranme algún xeado e conseguira de estraperlo aqueles terribles petardos de mecha gorda denominados cuartos de barreno. Entre a música e a brincadeira cos outros rapaces pasou a festa voando. Ó día seguinte reparei no dedo e a verruga seguía alí, teimuda. Acordeime do tema cando onte lin no xornal que houbera a tradicional poxa de galos. Aínda que non poida testemuñar a favor do santo, teño que dicir que este día fica feliz no meu recordo canda o sabor do picapica, o olor da pólvora e as carantoñas que lles faciamos ás rapazas de vestido e laciños. Quizais foi a nostalxia...