RADIOGRAFÍAS | O |
10 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE QUE lin a noticia na portada de La Voz non parei de atar cabos soltos: «Rouban en Camariñas a Pedra do Oso, unha formación natural de varias toneladas». Despois do cabreo lóxico de vivir nunha comarca onde calquera paisano pode agarrar un camión e marchar co patrimonio natural, púxenme a reler a noticia en busca dalgunha pista que me puidera levar á solución do último enigma da zona. Primeira opción: nunha bisbarra na que o roubo de cruceiros está á orde do día e os cartuchos de dinamita empréganse tanto para pescar troitas nun río coma para voar un petroglifo, non sería raro que alguén decidira que o bicho de pedra podía quedar que nin pintado no seu xardín, entre os bambáns dos nenos, a piscina e a parceliña de cebolas. Total, ¿quen vai botar en falla un penedo? A segunda hipótese é a dun secuestro. O alcalde da localidade explicáballe ó xornalista: «Non é que queiramos darlle a este tema máis transcendencia da que ten, senón poñernos en contacto coa persoa que levou a Pedra do Oso, seguramente por descoñecemento do estaba facendo ó levala». Semella como se se tentase amortiguar o tema, non vaia ser que o pobre plantígrado, que seguramente se atopa nun zulo, sufra ningún dano. Ata pode pasar que padeza o síndrome de Estocolomo e non queira volver para Camariñas. A última posibilidade xa a apuntaba eu o sábado ó fío de determinados sucesos paranormais que están a pasar dende hai meses na Costa da Morte: solta de víboras, aterraxe dun avión en Razo ou desaparición de todas as bandeiras azuis. O peor desta teoría é que, tan afeitos como estamos a que nos rouben a memoria, calquera día os marcianos escapan cos nosos corazóns.