As crises e o péndulo

RAMÓN L. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

03 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE HAI uns anos para aquí aumentou espectacularmente o número de galegos que retornan de Sudamérica. As terribles crises que arrastran países como Uruguai, Arxentina ou Venezuela, fixeron que sexan moitos os fillos ou netos de galegos que regresan ó lugar dos ancestros. Paradoxos dunha vida que a miúdo arremeda os movementos errantes dos péndulos. É frecuente oír os acentos do outro lado do Atlántico detrás dos mostradores: un cafesito para el señor. Pode que o rapaz ou rapaza que lle están a servir a consumición veñan de deixar atrás as rúas bonaerenses, as tardes de calmuzo e amigos en Caracas ou aínda reteñan no padal o sabor familiar do mate nas casas de Montevideo. O pasado domingo estiven cun mozo que vén precisamente do Uruguai. Leva pouco máis dun mes na comarca e agarda a chegada dun posto de traballo que lle permita unha independencia propia. Atrás deixou un emprego de técnico en informática, a familia e unha noiva que tamén quere vir para Galicia. A charla con el foi moi amena, contábame como sufriu a xente o navallazo da crise económica que en Iberoamérica xa comeza a semellar endémica. Historias duras de xente que en pouco tempo pasa de formar parte dunha ampla clase media a loitar desesperadamente para conseguir o máis básico. Houbo algo que me contou que me deixou un profundo desacougo. Dende que veu saíu algunha vez de copas en Ordes e Carballo, dicíame claramente que co que se gastaba aquí de marcha nunha noite comía aló unha familia. Quizais a mala vibración foi por pensar que calquera día a tortilla dá outra vez a volta e atopámonos, como di o tango, «de nuevo escangallaos en el camino del vivir».